Tuesday 14 de May de 2024

En marcha o campamento deportivo de Moeche


Unha vintena de nenas e nenos de Moeche participan no campamento deportivo e de conciliación organizado polo Concello durante estes tres días non festivos da Semana Santa en que a rapazada está de vacacións. O programa inclúe xogos tradicionais, deportes, actividades en grupo e tamén a visita de entidades para mostrarlles propostas alternativas ás maioritarias.

Foi o caso de onte, cando a Escudería Moeche lles levou un coche de rally para que puidesen ver como é por dentro, saber algo máis do mundo do motor e os seus segredos e a importancia de respectarmos as normas na condución de vehículos.

Tamén lles explicaron as medidas de seguridade -barras de protección, extintores, roupa ignífuga, casco, etc- e como se organizan as distintas modalidades deste deporte, incidindo na importancia dunha boa coordinación entre piloto e copiloto.

Hoxe mércores, último día do campamento deportivo, achegaranse ao pavillón municipal varios membros do Club Kickboxing Sansa para falarlles dos deportes de contacto.

Envíase foto da xornada de onte (Concello de Moeche)

Previsións para os próximos días

Xoves 14, 10:00 a 14:00h, San Xurxo
Xeorruta do Toelo (prazas completas)
O Concello de Moeche inicia este Xoves Santo a campaña anual de xeorrutas encadradas no programa de dinamización do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal. A primeira cita -que se reforzará coas do verán- propón un percorrido polo val modestino achegándose até as canteiras das que saiu boa parte do toelo utilizado na comarca para linteis, cruceiros, píos e outros elementos decorativos da arquitectura civil e relixiosa, ademais de empregarse na industria metalúrxica.

O itinerario, dunhas catro horas de duración, partirá do castelo admirando exemplos do seu uso, como a igrexa ou o propio cruceiro de San Xurxo, para despois subir ao monte da Caleira e ver alí as explotacións a ceo aberto deste tipo de serpentina, unha rocha ultrabásica formada a grandes profundidades que en Moeche se atopa en superficie.

A ruta estará conducida polo Doutor en Xeoloxía Francisco Canosa, quen se encarga de guiar os catro percorridos xeolóxicos organizados durante estas vacacións por Cedeira, Moeche e Ortigueira.

Sábado 16, 12:00h, Nave do Mercado
Xornada informativa sobre as axudas á vivenda rural e os fondos europeos

As empresas Ámbita Oficina Técnica Integral e Alalá Asesores ofrecen unha charla informativa sobre as diferentes liñas de axudas que se están a publicar nos últimos meses e que se financian con fondos europeos para a adquisición, rehabilitación ou mellora enerxética das vivendas nos concellos rurais.

No encontro trataranse os seguintes temas:
A vivenda nos concellos de reto demográfico: Modelos de habitabilidade, achega ao mercado, condicionantes do prezo da vivenda, o papel dos concellos, etc.
Fondos Next Generation: Axudas para compra, aluguer e rehabilitación, modelos de financiación e beneficios fiscais
Requisitos técnicos: Memoria vs proxecto, eficiencia enerxética, normativa de rehabilitación…
A charla está aberta ao público en xeral e non require inscrición previa.